30/4/09

QUE É UN BANCO DE TEMPO?

É un lugar de encontro no que atopar persoas motivadas a intercambiar Tempo, adicandoo a tarefas puntuais para resolver necesidades da vida cotiá, ou a compartir o que saben acerca de algo facendoó chegar a outras persoas; ó mesmo tempo que se fomenta a posibilidade de coñecer e confiar nos demais.

O Banco de Tempo ten un marcado caracter solidario xa que se apoia nun modelo de intercambio non dinerario, non hai cartos de por medio, e ademáis fai visible o traballo desenvolvido tradicionalmente polas mulleres ó tempo que permite crear redes de axuda e colaboración entre a veciñanza.

O Tempo é a principal riqueza “O Tempo é Ouro” e a unidade de intercambio é A hora.

QUE SE PODE INTERCAMBIAR?

(As seguintes actividades son só a titulo de exemplo, quen participe do Banco poderá ofertar os seus coñecementos e habilidades en beneficio de outras persoas).

- Cociñar: pratos tradicionais, doces típicos, cociña moderna,etc.
- Acompañamentos: ó medico/a, a pasear, ó cine, etc.
- Conversas noutros idiomas.
- Facer a compra a unha persoa enferma.
- Saberes: ensinar a cocer pan, a plantar árbores, a podar a parra, a tecer redes, oficios tradicionais da zona, etc.

En xeral, calquera actividade que se saiba facer e que poda aportar un beneficio á comunidade.

QUE SE PROPON DENDE O BANCO DE TEMPO?

*Promover os intercambios entre as persoas da comunidade veciñal fomentando os valores de cooperación e comunicación activando a rede de solidariedade da propia comunidade así como a participación social.

*Xerar actitudes positivas entre as persoas, aprendendo a dar e a recibir.

*Incidir nos mecanismos que fan da organización social do tempo e das diferenzas no seu uso un elemento de desigualdade de xénero.

*Fomentar a integración da diversidade cultural e social no ámbito comunitario, e promover a axuda mutua e o intercambio de experiencias.

BENEFICIOS QUE NOS APORTA PARTICIPAR NO BANCO DE TEMPO:

Pertencer a un Banco de Tempo aporta unha serie de beneficios entre os que podemos destacar os seguintes:

-Aprender dos saberes e coñecementos dos que dispoñen as persoas, para que coa súa transmisión non se perdan no tempo e sexan de utilidade na traxectoria vital da comunidade. Aquí en Cedeira temos un bo exemplo coa festa do Samaín, unha tradición que se recuperou porque as persoas maiores ensináronlles ás mais novas como preparar as cabazas e todo o que había entorno a esa festa.

-Aprender e saber valorar as tarefas da vida cotiá levadas acabo tradicionalmente polas mulleres no ámbito doméstico, destacando en positivo a importancia das mesmas.

-Atopar apoio para poder dar solución a necesidades puntuais e a situacións concretas que se podan presentar.

-A través do fomento das relacións de boa veciñanza, temos a posibilidade de coñecer e confiar nos demais, afianzase a confianza nas outras persoas.

-Compartir e aprender a dar e a recibir. Á maioría das persoas resultalles máis doado dar que recibir, sen embargo todas as persoas precisamos recibir nun momento dado. Compartir o tempo e aprender a convivir coas nosas diferenzas, enriquecenos mutuamente e fainos máis grandes como persoas. Non se fan intercambios só por necesidade senon tamén por compartir afeccións.

-Dende o banco de tempo vanse levar a cabo actividades moi diversas, principalmente aquelas actividades básicas da vida diaria que nos van resultar un apoio importante. Non hai que ser expertos en grandes temas, trátase de ofertar aquelas cousas que sabemos facer ben e que lle poden ser de utilidade a outras persoas.

-Vainos producir unha mellora da autoestima, as persoas sempre nos sentimos ben cando somos valoradas polo que sabemos facer, independentemente de que sexan grandes ou pequenas cousas.

-Incrementase as relacións sociais, as persoas que participan do banco de tempo van ter a oportunidade de coñecer a unhas persoas que doutro xeito non coñecerían. Fomentanse as relacións interxeracionais e interculturais. Neste concello hai unha poboación importante de persoas emigrantes, e isto é unha moi boa oportunidade para coñecernos e aprender doutros xeitos de ver a vida.
Ó mesmo tempo xerase capital social, xa que se valoran a capacidade e o saber, a tradición e a cultura, aspectos que non teñen valor de mercado.

IMPORTANTE:

As tarefas que se leven a cabo nos intercambios dentro do Banco de Tempo nunca poderán supoñer un posto de traballo encuberto.

No hay comentarios: